Cheo na Casa da Cultura no inicio da campaña

Cheo na Casa da Cultura de Bergondo no acto de apertura de campaña do Partido Socialista, coa candidatura que encabeza a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez. Contou ademais coa presenza de responsables do partido de municipios dos arredores, como Ramón García, alcalde de Betanzos, ou o de Paderne, César Longo, así como representantes de Xuventudes Socialistas.

A alcaldesa adiantou na súa intervención algúns dos principais puntos que defende o programa socialista en Bergondo. As palabras “medidas sociais” e “benestar” foron as que máis repetiu fiel á súa idea de que o principal investimento debe ser no social. “Non ides atopar aquí proxectos faraónicos, nós apostamos por investir en política social e en infraestruturas básicas”, afirmou.

Os socialistas queren dar un paso máis nas medidas sociais que xa caracterizan ao Concello de Bergondo. Se  as axudas educativas e os servizos sociais xa contan con iniciativas municipais moi fortes como as bolsas ou a atención a familias sen recursos, a alcaldesa avanza agora que quere impulsar, na medida do que un Concello ten competencia, medidas sociais de emprego.

Irán dirixidas aos colectivos con maior necesidade de apoio na inserción laboral. O PSOE propón un plan para os mozos (de menos de 35 anos) para concertar plans de prácticas nas empresas locais. E outro plan para parados de longa duración, con bolsas de contratacións temporais de solidariedade.

Con estas medidas, os veciños nesta situación poderán obter experiencia, no primeiro caso, e tentar redirixir as súas competencias profesionais cara outras áreas no segundo. “Será un paso máis en materia de emprego, sumado ao servizo de orientación laboral ou de xestión de ofertas de emprego que desenvolvemos coa asociación de empresarios”, explicou Pérez.

Ademais das medidas sociais de emprego, a alcaldesa apuntou nas súas palabras á mancomunión de servizos con outros Concellos como “clave” para “ofrecer máis posibilidades ao cidadán e de maior calidade”. Neste sentido considera que aspectos como o transporte, os servizos sociais, a eficiencia enerxética, a cultura ou o deporte poderán verse beneficiados desta suma de forzas entre municipios.

E o Plan Xeral de Ordenación Municipal recibiu o cualificativo de “obxectivo fundamental” por parte da candidata socialista. Fixo un chamamento aos veciños a implicarse activamente no proceso de elaboración participativa que se acaba de iniciar e que é polo de agora único na comarca. “Queremos que a ordenación territorial, as infraestruturas ou os equipamentos sexan decididos entre todos para que respondan de verdade a un interese xeral“, sinalou.

Neste sentido, a candidata considera que este modelo de participación cidadá para a PXOM amolou a algún candidato, que agora non ten argumentos para criticar este proceso veciñal. “Sentímolo polos que non teñen máis modo de política que a crítica. Temos un modelo de participación pioneiro na área, para nós ou urbanismo debe responder á opinión xeral ademais de aos criterios técnicos”, afirmou.

E fiel ao seu modo de ser, a alcaldesa pediu perdón por todo aquilo que non se puido realizar neste mandato, sobre todo polas leis aprobadas polo Estado que cernaron a autonómía do Concello. Lembrou o plan de contratacións temporais que tan funcionaba o pasado mandato e que houbo que parar pola prohibición do Goberno central.

O mesmo ocorreu co remanente de tesouraría, cunha lei estatal que impediu a súa utilización para investimentos, aínda coas contas municipais con boa saúde. E cando por fin o Estado levanta ese veto e permite certos investimentos, a oposición impediu o seu uso cun “imperdoable” afán electoral. “Superamos moitas dificultades e acadamos medidas sociais de primeira e mesmo investimos 5 millóns de euros en infraestruturas básicas“, indicou.

Finalmente, a alcaldesa agradeceu a gran resposta dos presentes no acto e reafirmouse en que “sabemos perfectamente ou que hai que priorizar, temos capacidade e entusiasmo de sobra para traballar”.