O PSOE de Bergondo creará a ‘Escola de Emprendedores’

O PSOE de Bergondo, con Alejandra Pérez Máquez á cabeza, conta para o próximo mandato con diferentes propostas para continuar mellorando a empregabilidade dos seus veciños e veciñas.

Unha das grandes apostas socialistas será a creación da ‘ Escola de Emprendedores’, un programa de cursos que “ tería como obxectivo primordial guiar no proceso de constitución de novas empresas, dar formación en emprendemento aos usuarios e aportarlles vías de axuda”, explica a alcaldesa.

Ademais, a candidata socialista comprometeuse a continuar reforzando os programas de formación gratuíta para os empadroados en Bergondo, que contan con altos índices de participación e que se adaptan ás necesidades do mercado laboral.

O PSOE de Bergondo ten claro que o aumento do emprego comeza coa formación dos máis novos. Por iso, propón a creación do programa ‘Deseñando o meu futuro’, coa finalidade de funcionar como un primeiro contacto entre as empresas e os estudantes, para que estes poidan ir coñecendo a realidade dos diferentes sectores.

Doutra banda, no programa socialista tamén se expón a creación dunha guía do comercio e a gastronomía de Bergondo. “Queremos aglutinar neste documento toda a información necesaria para, a través da súa difusión, potenciar aos nosos empresarios locais en Bergondo e fóra dos nosos límites”, destacou Alejandra Pérez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.