As obras para converter A Senra no gran centro deportivo e de lecer de Bergondo comezarán o 23 de xuño, ao finalizar o curso escolar
O Partido Socialista de Bergondo anunciou hoxe que, definitivamente, as obras para converter A Senra no gran centro deportivo e de lecer de Bergondo, comezarán ao finalizar o actual curso escolar, concretamente o 23 de xuño.
O proxecto, impulsado polo PSOE desde o Concello, ten un orzamento de 737.000 euros e está incluído dentro do Plan Único da Deputación. Ademais, supón cumprir os compromisos asumidos polo Concello para a cesión destes terreos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, aprobada en sesión plenaria o 11 de novembro de 1999 tras o acordo previo coa sociedade ‘Centro de instrución e recreo de Bergondo e os seus contornos’, que incluía por unha banda recuperar o edificio, algo que xa se fixo, e, polo outro, adecuar a leira como área de lecer e servizos.
Os traballos levarán a cabo fundamentalmente na chaira existente entre o histórico edificio e o CPI Cruz do Sar, que actualmente se utiliza fundamentalmente como aparcamento. O obxectivo é optimizar o espazo existente, integrando varios equipamentos demandados pola poboación.
Así, crearase unha pista de atletismo de 160 metros de lonxitude e 5 rúas dotada dun gradería con capacidade para 490 persoas, unha pista polideportiva con céspede artificial, unha zona de calistenia, un auditorio con aforo de 300 persoas, un parque infantil cunha pequena zona cuberta, un percorrido de equilibrio para os máis pequenos, varias mesas e elementos para aparcar bicicletas.
A obra completarase coa remodelación da praza situada diante do edificio da Senra. Alí ordenarase o aparcamento para compensar as prazas perdidas na parcela anexa, renovarase o pavimento, mellorarase a circulación e xerarase unha nova entrada ao complexo. Ademais, dotarase ás instalacións de iluminación, subministración de auga e recollida de pluviais.
A alcaldesa e candidata á alcaldía de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, destaca a “envergadura deste proxecto” e destaca que “deste novo equipamento beneficiarase de xeito directo o CPI pero está ideado para ter unha actividade constante, aumentando a oferta de equipamentos deste espazo, e ofrecendo un lugar de lecer para a poboación en xeral”.