A alcaldesa encabeza a candidatura coa sensatez e a política social por bandeira

Alejandra Pérez Máquez, actual alcaldesa de Bergondo, presenta a súa candidatura para as eleccións do 24 de maio coa clara aspiración de consolidar as políticas educativas e sociais que caracterizan ao Concello de Bergondo. Este reto levou á rexedora a decidir encabezar a lista, consciente de que se lograron superar os obstáculos económicos e o PSOE conseguiu un Concello con moi boa saúde económica para investir no social.

O Partido Socialista presenta unha lista cun 40% de caras novas, que tratarán de sumar as ideas renovadas que sempre se necesitan. E iso conxugado cunha demostrada experiencia de xestión que ningunha outra formación pode ofrecer.

En segundo posto da lista sitúase Javier Santos, que xa fora concelleiro socialista en Bergondo, e no terceiro posto Begoña Calviño, actual edila de Benestar Social. De número catro vai José Ramón Lorenzo e de cinco Patricia María Vázquez Figueroa, dúas das incorporacións.

Séguenlles Juan Carlos Lata, Yudit García Andrade, José Miguel Patiño, Juan Francisco Sánchez, María Margarita Corral, Valentín Dopazo, e Iria Bello. Pecha a lista Jesús Vázquez, actual concelleiro, e como suplentes están Yolanda García e Domingo Fontes, este tamén edil hoxe.

Tanto Jesús Vázquez como Domingo Fontes, con longa experiencia no Concello, optaron por decisión propia por aparecer nunha segunda liña pero manténdose na candidatura para seguir traballando e colaborando no partido.

O PSOE de Bergondo fuxirá de promesas “tan grandilocuentes como incumpribles” que ofrecen outros partidos. Pérez aposta por unha “política sensata” con actuacións destinadas a paliar as necesidades reais dos veciños, sen buscar notoriedade. O que ten claro é que a educación e os servizos sociais serán a prioridade “número un”.