Alejandra Pérez comprométese a esixir a Fomento unha “actuación urxente” na Nacional VI ao seu paso por Cortiñán
A candidata socialista á alcaldía de Bergondo, Alejandra Pérez, comezou hoxe no Centro Social de Cortiñán a súa rolda de mítines para a campaña das eleccións municipais do 26 de maio tras suspenderse onte, venres 10 de maio, o mitin de apertura debido ao falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba.
Para a alcaldesa, a situación da Nacional VI ao seu paso por Cortiñán é “totalmente insustentable” debido ao mal estado das vías e ao despintado das liñas “que dificulta moito a circulación”. Por iso, comprometeuse a continuar esixindo ao Ministerio de Fomento que actúe “urxentemente, xa que existe unha falta de seguridade alarmante e non se pode esperar máis”.
Outras propostas
Doutra banda, no mitin tamén explicou outro dos puntos do seu programa que afecta directamente a Cortiñán: a mellora das zonas verdes en todo o municipio. “Dentro deste plan está previsto tentar a transformación completa da contorna desta praza onde está o Centro Social, dotándoa de zonas verdes, máis equipamentos e unha cuberta”, explicou.
Por último, informou da inminente posta en funcionamento do saneamento no lugar da Fraga. “Imos poñer a funcionar un bombeo que estaba pendente e así os veciños desta zona poderán comezar a facer as conexións á rede”, aclarou.