Alejandra Pérez Máquez abre a campaña electoral reivindicando “a identidade propia de Bergondo, que non ten necesidade de parecerse a ninguén”

O Partido Socialista de Bergondo abriu onte, sábado 13 de maio, a súa rolda de encontros da campaña electoral nunha Casa de Cultura abarrotada na que a alcaldesa e candidata á alcaldía, Alejandra Pérez Máquez, reivindicou “a identidade propia de Bergondo como pobo, que non ten necesidade de copiar nin parecerse a ninguén”.

Pérez Máquez explicou que “no Partido Socialista temos claro o modelo de pobo que queremos e como queremos que Bergondo medre”. “Temos un selo propio, que nos identifica, e que fai que sexamos dos municipios da comarca que máis medran nos últimos anos”, afirmó.

A actual rexedora non quixo pasar por alto “o que supuxo a pandemia, o difícil que resultou aquela época, que nun inicio ían ser só días, logo meses e ao final estivo con nós, oficialmente, ata hai pouco máis dunha semana”. “Quero aproveitar para recoñecer publicamente a labor que fixeron os servizos sociais durante ese tempo, redobrando esforzos cando foi necesario, e tamén o equipo de voluntariado, que nos permitiu chegar a onde nós non podíamos”, agregou.

“E aínda así, a pesar de ter a metade de tempo que nunha lexislatura normal, por mor da pandemia, vimos hoxe aquí orgullosos de ter os deberes feitos”, comentou Pérez Máquez, que fixo referencia a “os numerosos asfaltados, a extensión da rede saneamento, a renovación da iluminación, a mellora das instalación municipais, o gran centro deportivo que se comezará a construír dentro de pouco na Senra o avance na modificación para San Cidre, ou o cumprimento das históricas demandas de seguridade para Guísamo e Cortiñán”.

A candidata deixou claro que “o PXOM volverá ser cuestión prioritaria na próxima lexislatura, que ten que ser a definitiva neste sentido” e explicou que “o contexto sanitario destes catro anos impediunos avanzar como quixéramos, non podiamos poñer a cabeza en algo tan complexo como un Plan Xeral mentres non sabíamos se ao día seguinte poderíamos atender as necesidades urxentes da veciñanza”.

“Quero agradecer tamén que, con todo ou que pasou durante este mandato, sempre tiven a colaboración dos centros educativos e da ANPA, algo que é imprescindible para poder ofrecer servizos de conciliación como o madrugadores ou o comedor”, salientou.

Mención especial a Julio Sacristán

No acto da Casa da Cultura a candidata estivo acompañada do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, do histórico socialista e ex alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, aos que lles agradeceu “a súa presenza e o seu apoio constante”.

Quixo facer unha mención especial a Julio Sacristán “por todo o que fixo por min, pola axuda que me brindou en momentos difíciles da miña vida, sempre estivo aí”. “A semana que vén cúmprense 15 anos d morte do noso compañeiro e amigo Pepín e neses días eu fun a Santiago, ao Parlamento, con Julio a falar con Ricardo Varela. El foi o meu aval e un dous meus apoios durante esa época e por iso para min é moi importante que estea hoxe aquí. Moitas grazas, a Agrupación Socialista de Bergondo débeche máis do que pode pensar”, explicou.