Crearemos un sistema de aluguer de bicicletas para fomentar a mobilidade sostible

O Partido Socialista de Bergondo aposta decididamente por fomentar a mobilidade sostible no municipio. Para iso, unha das medidas máis claras que adoptará no próximo mandato será a creación dun sistema de alugueiro de bicicletas.

A alcaldesa e candidata á alcaldía, Alejandra Pérez Máquez, explica que “a idea que temos é que este sexa un sistema similar ao que funciona noutros municipios, establecendo diferentes puntos por todo o municipio nos que as persoas usuarias deste servizo poidan coller ou deixar a bicicleta”.

A proposta socialista iniciaríase este verán cunha proba piloto do proxecto, creando puntos de recollida de bicicletas para ir desde o concello ás diferentes praias e testear así como funciona este servizo e as posibles melloras futuras a adoptar.

Esta proposta está acorde coas liñas mestras do Plan de Mobilidade Sostible (PMUS) municipal, que acaba de ser aprobado inicialmente en pleno e que será a folla de roteiro a seguir nos próximos anos para cambiar o modo de desprazarse. Unha das propostas que se inclúen é a creación dun carril bici, que facilitaría os desprazamentos nas bicicletas de alugueiro.