O PSOE de Bergondo creará o paseo fluvial do Río Maior en Lubre, unha nova zona de lecer e esparexemento

Entre os obxectivos do PSOE de Bergondo para o próximo mandato está a creación de máis espazos verdes e zonas de lecer no municipio. Unha das propostas estrela neste sentido é a creación do Paseo Fluvial do Río Maior, en Lubre, que pronto será unha realidade.

Así o explicou onte no mitin celebrado no local social de Lubre a candidata socialista á alcaldía, Alejandra Pérez. Desde o Concello leva uns anos traballando neste proxecto vital para a parroquia de Lubre, xa que a construción do paseo suporá tamén a creación dunha serie de colectores que conectarán as diferentes redes de saneamento da parroquia e que permitirán a súa entrada en funcionamento.

“Estamos a falar dunha gran obra que dotará á parroquia de Lubre de novos equipamentos de lecer e tamén dun servizo tan importante como é o saneamento”, explica Alejandra Pérez Máquez.