O PSOE de Bergondo propón unha reordenación da zona do Pedrido, con máis zonas verdes e equipamentos

Alejandra Pérez Máquez propuxo onte no mitin celebrado no local social de Fiobre un ambicioso plan para a remodelación da contorna da praia do Pedrido, co obxectivo de modernizar a zona e promover a súa utilización por parte dos veciños. O proxecto prevé abordar os distintos espazos públicos e infraestruturas que compoñen a contorna.

A desaparición paulatina das naves supoñerá unha oportunidade para potenciar a zona. Aínda queda unha en pé pero, cando se solucionen certas cuestións administrativas entre os propietarios e Costas, será demolida conseguindo así a apertura ao mar do Pedrido.

O plan inclúe a construción dunha nova infraestrutura para dar servizo a usuarios. Será un espazo multiusos, en materiais como madeira acordes coa estética que quere lograr no Pedrido. Albergaría recintos como os aseos, salas ou almacén para o servizo de socorrismo.

O aparcamento será outro dos puntos de actuación. Hoxe en día está nunha situación provisional, pegado ao areal. Estudaríanse distintas posibilidades para recolocalo e seguir gañando espazo xunto ao mar. Así mesmo o plan municipal contempla a dotación dun pequeno pantalán para dar servizo a algunhas embarcacións. É unha proposta da asociación Ría do Pedrido.

O Regueiro

A alcaldesa de Bergondo tamén expresou o seu desexo de que, durante o próximo mandato, a recuperación da praia de O Regueiro sexa unha realidade. O proxecto de tratamento ambiental para a contención dos noiros xa está redactado por Costas e posto a exposición pública polo que continúa a cumprir os trámites necesarios.

Os traballos, valorados en máis dun millón de euros, inclúen a limpeza e instalación dunha malla para a protección dos noiros, a realización dun muro de protección e dunha senda peonil sobre o dique para facilitar o tránsito cara á costa. Tamén se instalará unha pasarela para salvar o Rego do Cabanés.